Á Secretaría Xeral para o Turismo correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A planificación da política de ordenación, fomento e promoción do turismo dentro da comunidade autónoma, determinando as liñas de actuación de política turística que deben rexer no territorio galego.
b) A dirección e coordinación das actuacións da consellería en materia de turismo.
c) A instauración de canles efectivas de comunicación con outros organismos locais, provinciais e da Administración central e outras administracións, así como co sector privado.
d) A explotación e potenciación dos recursos turísticos de Galicia directamente ou a través da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. (Turgalicia, S.A.), mediante a promoción, publicidade, relacións públicas e outras accións de notoriedade, tanto no interior de Galicia como no resto de España e no exterior, sen prexuízo das competencias da Administración central do Estado.
e) A dirección e coordinación das actuacións da Consellería, directamente ou a través da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, relacionadas coa posta en valor cultural e turística do Camiño de Santiago, a súa promoción, a xestión da imaxe corporativa do Xacobeo e da rede de albergues, así como calquera outra acción que redunde en beneficio do Camiño de Santiago.
f) A coordinación da participación da comunidade autónoma nas exposicións universais.
g) A aplicación dos mecanismos necesarios para mellorar as estruturas e os fundamentos da formación profesional turística, sen prexuízo das competencias que lle poidan corresponder a outros organismos.
h) Formular as correspondentes propostas na tramitación contable dos expedientes tramitados con cargo aos orzamentos asinados ao seu centro directivo.
i) As competencias que lle sexan encomendadas por delegación do/da titular do departamento.